Tuesday 17 de September de 2024

Silvia Agrafojo clausura as “Leisure activities in english”, nas que participaron 30 nenos e nenas entre os 5 e os 10 anos de idade


O programa foi impartido polas voluntarias europeas Letizia Saccani e Fatma Erdemoglu

A concelleira de Xuventude e Servizos Sociais, Silvia Agrafojo, clausurou esta mañá o programa “Leisure activities in english”, unha iniciativa gratuíta do Concello de Lousame que inclúe unha gran variedade de actividades educativas e de ocio impartidas en inglés por Letizia Saccani e Fatma Erdemoglu, voluntarias do Corpo Europeo de Solidariedade. Unha iniciativa que contou con 30 nenos e nenas, de entre os 5 e os 10 anos de idade, e que se impartiu no local social do Sanguiñal (Tállara), en horario de 10:30 a 13:30 horas.

O programa incluíu diversas actividades como pintura, karaoke, música, xogos, cine, teatro, conversas… todo en lingua inglesa para que os nenos e nenas sigan practicando o inglés durante o verán. Ao rematar a actividade, Silvia Agrafojo entregoulles aos pequenos unha serie de agasallos: dous contos (“Camiño de Santiago” e “Camiño das Estrelas”), unha gorra e un termo de auga.

Así mesmo, indicou a gran acollida deste programa entre as familias. “Inicialmente convocamos 25 prazas pero a demanda era maior e finalmente acollemos as 31 solicitudes”, explica Silvia Agrafojo, quen apunta que “vista a boa acollida que tivo o programa entre as familias de Lousame, miraremos de facer unha nova edición e da posibilidade de alongar os días do curso”.